Friday 17 de May de 2024

O Pleno municipal aproba definitivamente o estudo de detalle da parcela na que se emprazará o futuro auditorio de Brión


 

O Pleno municipal de Brión celebrou esta tarde unha sesión extraordinaria na que os tres grupos municipais aprobaron definitivamente o estudo de detalle dunha parcela no lugar de Lamiño, parroquia de Brión, na que o Concello de Brión ten previsto construír un auditorio. A proposta da Alcaldía foi aprobada por unanimidade, logo de que o estudo fora sometido a información pública sen que se presentar alegación ningunha e de que contara co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio, xa que a parcela se atopa nas proximidades da carballeira e da capela de Santa Minia, declaradas Ben de Interese Cultural.

O alcalde de Brión, José Luís García, explica que “basicamente o estudo de detalle fíxose para trasladar a edificabilidade da parcela da parte máis próxima á estrada ao final da parcela, xa que deste xeito disporemos unha ampla zona para aparcamento para os veciños e veciñas que se acheguen ao auditorio e tamén para que, durante as festas de Santa Minia, poidamos seguir emprazando nesta parcela as atraccións para os nenos e nenas”.

Unha parcela mercada este ano polo Concello de Brión, que consignou para iso unha partida de 92.000 euros nos Orzamentos de 2019. Agora, a intención do alcalde brionés é empregar o remanente municipal para a execución da obra, se o Goberno de España así o permite, así como proceder á elaboración do proxecto no ano 2020.

Finalmente, o pleno municipal tamén aprobou por unanimidade un recoñecemento extraxudicial de crédito por 14.291,36 euros para o pago de facturas de 2018 que foron presentadas fora do exercicio correspondente. Unhas facturas relacionadas na súa maioría con servizos eléctricos e reparacións de maquinaria.